17 jun 2014

Emprendendo en comercio electrónico con éxito, coa colaboración de Infinitum Ecomerce e Corvus Belli



Bos días amig@s!!

 O pasado mércores 11 de xuño de 2014 celebrouse na Casa de Oficios Lorenzo Corbacho o obradoiro de “Emprendendo en comercio electrónico con éxito” que contou coa colaboración de Mari Carmen Fernández de Infinitum Ecomerce , empresa local adicada ó asesoramento en comercio electrónico, así como de Alberto Aval, de Corvus Belli , iniciativa adicada á creación de miniaturas para xogos de rol, con grande expansión internacional.


Mari Carmen falounos dos factores a ter en conta á hora de planificar a difusión da nosa empresa en internet, aspecto previo ó deseño da nosa tenda on-line.

Así, explicounos os pilares dunha tenda on-line, e as estratexias máis axeitadas a seguir tendo en conta as características dos nosos productos/servizos.

Pola súa banda, Alberto, contounos a súa experiencia emprendedora na empresa Corvus Belli, que cunha andaina de casi 14 anos vendendo maioritariamente en internet en diversos países, conta con máis de 50 traballadores/as e se atopa nun proceso de expansión na actualidade.


Nos vemos nas vindeiras edicións do aula do emprendedor!!

Un saúdo!!

21 may 2014

A imaxe comercial como factor clave na apertura ou relanzamento dun negocio por Nélida Carracelas de Imagesc



Bos días emprendedores/as!!

Toca tirar conclusións do obradoiro “A imaxe comercial como factor clave na apertura ou relanzamento dun negocio” impartido o pasado xoves 15 de maio en colaboración con Nélida Carracelas  de Imagesc, empresa local adicada ó escaparatismo, decoración e interiorismo.




Os contidos que se impartiron abordaron exemplos, consellos e recomendacións para facer que a imaxe comercial xogue sempre a favor do negocio, como elemento fundamental na captación de clientes.

Así, Nélida recomendounos  fuxir de tendas estáticas, rotando mercancías, productos e servizos de xeito que o cliente perciba ese movemento.

Asemade resaltou a importancia de manterse sempre esperto/activo respecto ás reacións de clientes e competencia, aconsellando a lectura do libro “Quén se levou o meu queixo” de Spencer Johnson.

Destacar e agradecer a gran participación dos/as emprendedores/as asistentes.

Manterémosvos informados/as das novas actividades do "Aula do Emprendedor" para o mes de xuño 2014.

Unha aperta a todos/as!!

5 may 2014

Xestoría Moldes e a importancia da elección da forma xurídica axeitada para a nosa empresa



Bos días amig@s!

O pasado martes 29 de abril de 2014 celebrouse na Casa de Oficios Lorenzo Corbarcho, coa colaboración de Elena Moldes da Xestoría Moldes o obradoiro sobre “a importancia da elección da forma xurídica axeitada para a nosa empresa.”

Os puntos máis relevantes que debemos analizar para chegar á conclusión de cal será a forma xurídica máis acorde co noso futuro negocio, segundo se tratou este día, serán os seguintes:

1. Número de socios.
2. Capital social mínimo esixible.
3. Desembolso inicial necesario.
4. Responsabilidade.
5. Fiscalidade.

Todos eles aspectos de suma importancia na definición da nosa idea de empresa.



Queremos agradecer a vosa participación, e lembrar que o 14 de  maio as actividades da Aula do Emprendedor se retomarán co seminario “A imaxe comercial como factor clave na apertura ou relanzamento dun negocio".

Unha aperta!!

14 feb 2014

INMOBILIARIA LARES E AS CLAVES PARA A ELECCIÓN DUN LOCAL DE NEGOCIO.

Bos días amigos/as!!

En base ás vosas demandas, o pasado xoves 30 de xaneiro contamos con Cintia e Juanma, de Inmobiliaria Lares, para abordar un tema moi interesante para calquer emprendedor/a que necesite unha ubicación física para a prestación do seu servizo ou vender o seu producto: "Claves para a Elección dun Local de Negocio".


O obradoiro, moi ameno, claro e participativo, seguiu a seguinte estructura:

1) Elección entre aluguer ou compra do local, plantexándose a opción  do “coworking”.
2) Ventaxas e inconvintes entre locais preparados e lóbregos, en función de varios aspectos: o poder de negociación, os custos a asumir, o risco asumido na operación...
3) A importancia da ubicación, desmitificando un pouco o paradigma "place, place, place", e matizando que son os nosos clientes, os que nos van a definir cal será a ubicación idónea.
4) O prezo e as posibilidades de negociación, xa que temos que ter claro, emprendedores/as, cal vai a ser o máximo custo por este concepto que poderemos asumir, en función dos ingresos previstos.
5) A determinación da superficie óptima do negocio, matizándonos que o asesoramento dun profesional na materia vai ser un elemento esencial neste apartado.
6) Distribución do local, tenda en conta as nosas necesidades e o consello de técnicos ou interioristas.

7) Adecuación á normativa.


Excelente charla, e moi ilustrativa. Esperamos voltar a contar con Inmobiliaria Lares na Aula do Emprendedor do Concello de Cangas, para seguir profundizando na materia.

Pola nosa parte, remitirémoslle por mail  ós/ás asistentes o apoio didáctico da ponencia enviado por Inmobiliaria Lares. 

Grazas a todos os que facedes posibles estas iniciativas!!

Unha aperta.

CÓMO MADURAR UNHA IDEA DE NEGOCIO CON ACEGA. CONCLUSIÓNS.

Bos días amigos/as!!

O pasado xoves 12 de decembro de 2013, tivemos a sorte de contar con Antonio Pérez, profesional da Asesoría  ACEGA, para brindarnos recomendacións, consellos, trucos e exemplos para avaliar, de xeito sinxelo e rápido, a nosa idea de negocio.



En primeiro lugar identificamos de xeito claro a nosa idea, que debe ser adaptada ós nosos gustos e aficións, e que seguro será un éxito se realmente nos apaixona.

Despois desenvolveremos o modelo de negocio máis axeitado para a nosa idea, tendo en conta a proposta de valor que lle ofreceremos ó mercado.

En terceiro lugar definiremos a estratexia de negocio a corto e medio prazo... pois temos que ter sempre en conta, emprendedores/as,  a ónde queremos chegar, e qué nos axuda ou impide conseguilo.

Posteriormente, Antonio Pérez falounos da importancia de facer unha proba de mercado, de non ter medo a comentar e explicar a nosa idea, buscando propostas que a enriquezan.

Por último, claro está, toca facer contas e analizar a rendibilidade da idea, pois non só debe ser útil e desexable, senón que tamén nos ten que xerar ingresos suficientes.


Pois nada máis, amigos/as, só me resta agradecer coma sempre a vosa multitudinaria presencia e participación nas convocatorias do Aula do Emprendedor do Concello de Cangas, ateigando as nosas salas formativas, e dicirvos que por cortesía de Antonio, os 20 asistentes recibiredes vía correo electrónico a presentación power point que utilozou na ponencia.

Nos vemos nas vindeiras edicións do Aula do Emprendedor!!

Unha aperta.